Ponteareas é ... Deporte

Se o deporte e a túa paixón, Ponteareas ten todo o que precisas para practicalo. Dende a natación ao fútbol, o piragüismo, o bádminton, a patinaxe ou os deportes de aventura. Atoparás instalacións por todo o concello que facilitarán a práctica destes deportes ademais das condicións naturais precisas para non ter que desprazarte para desfrutar deles. Pero se es amante do ciclismo, non esquezas a túa bicicleta porque este é o sitio.

De aquí saíron tres dos campións da Volta España, o que lembra o monumento “Subida ó porto” localizado na estrada N-120. Unha obra que homenaxea aos irmáns Delio e Emilio Rodríguez Barros, gañadores do maillot vermello nos anos 1945 e 1950, respectivamente e Álvaro Pino que foi vencedor desta carreira en 1986. Precisamente, unha das citas máis relevantes do deporte local é a “Clásica Álvaro Pino”, carreira que dende 1997 congrega a corredores profesionais de toda España.

Para rodar na túa bicicleta de estrada hai numerosas rutas para facelo sen dificultades nin perigos, pero se realmente o que che vai é o risco tamén hai circuítos para a práctica do ciclismo de montaña ou o enduro con percorridos de descenso cheos de emoción como o do Monte da Picaraña. A aventura tela asegurada con actividades de turismo activo como o raftig, barranquismo, a escalada, parapente, puenting ou ala delta, para os que é propicia a diversidade natural do municipio.

Tamén hai propostas de turismo activo para todos os públicos como o sendeirismo por algunha das rutas que percorren o municipio ou actividades náuticas como o caiac.